|
|
Pedras e montes, plantas e árbores; augas, ríos e fontes foron desde sempre os intermediarios máxicos entres os galegos e aquilo que cada un desexaba acadar.
Coa cristianización moitos deses elementos da natureza formaron parte da chamada relixiosidade popular, que por veces discorre en paralelo cos ritos oficiais, e que noutras se confunden coa propia ortodoxia sen que ninguén o considere unha contradicción.
As arelas dos peticionarios non son outras que a saúde, o diñeiro e o amor.
Saúde para ter un parto feliz, para que os nenos medren sans, para rexeitar as dores de moas, ou para fuxir dos trastornos psíquicos.
Os galegos cren que na súa terra se agochan milleiros de tesouros de prata, ouro e pedras preciosas. Os mouros, os franceses, os carlistas ou os monxes dos mosteiros gardáronos baixo os penedos de cada aldea, ou nos túneles dos castros que inzan montes e outeiros. Pero o seu diñeiro máis tanxible é o que representa unha colleita abondosa e un gando san. Por iso piden polas vacas, polos cochos e polas boas sementeiras. Por iso procuran que as treboadas non estraguen o labor nin o vento afunda as embarcacións dos mariñeiros. E por iso tamén levan a bendicir as aguilladas e os estrobos.
Durante moito tempo non había amor sen intermediación máxica. Santos, rochas ou ondas do mar forman unha ponte pola que achegarse ata a persoa amada.
Para conseguir eses tres obxectivos aínda quedan en Galicia moitos camiños que o home moderno olla con escepticismo e desconfianza, pero que levan connosco tanto séculos que non podemos senón observalos con respecto.
"Saúde, diñeiro e amor" reflicte eses costumes, cultos e crenzas presentes aínda nas terras e homes de Galicia.
|
|